BNI Aco Salitre, con sede en Vimianzo, xerou máis de 1M€ de negocio en menos de catro meses

1 minutes read

BNI Aco-Salitre é o único equipo de traballo da rede BNI da Costa da Morte con reunións presenciais. Con sede en Vimianzo, no restaurante Montevideo, reúnese cada venres ás seis e media da mañá co único obxectivo de facer negocio entre todos os membros.
Empezaron 27 empresarios, o pasado 11 de novembro do 2022, e hoxe, son 34 empresas. O traballo do equipo está a dar os seus merecidos froitos, son actualmente o grupo con maior puntuación entre os grupos de menos dun ano da rede BNI España e o que é máis importante xeraron entre os seus membros un negocio de máis dun millón de euros.
O compromiso de cada membro é total e absoluto desde o minuto cero. «Quen aposte por este equipo de traballo debe ter claro que vén traballar, que as normas son estritas e que o obxectivo de todos é que o negocio entre os membros aumente. Valoramos o esforzo que cada membro fai, recoñécese e cada membro é único e fundamental para o equipo. Unha das características é que soamente se permite un membro por actividade», afirman desde a directiva.
O tres de febreiro cambian puntualmente de localización e reuniranse en Cee, no hotel Insua. «Todo empresario con ansia, ilusión, compromiso e integridade debe acudir a coñecer o noso sistema de traballo. Queda formalmente feita a invitación, só deben comunicar a súa presenza en salitre@bnigalicia.com», conclúen.