Bo inicio de campaña contra a velutina en Cabana con case 600 raíñas capturadas

1 minutes read
  • Actualmente hai colocados 200 dispositivos de trampeo, e a veciñanza poderá inscribirse na iniciativa municipal ata o 31 de maio

O Concello de Cabana de Bergantiños rexistra preto de 600 raíñas capturadas e máis de 200 dispositivos colocados tras un mes do inicio da campaña contra a avespa velutina. Despois do primeiro reconto xeral, as cifras sitúanse en 273 raíñas capturadas en lugares públicos e 312 en dispositivos de uso doméstico. Durante as primeiras semanas do mes instaláronse 80 dispositivos de captura en lugares de uso público como parques, o entorno do CPI As Revoltas e zonas verdes. Ademais, os servizos municipais atenderon 121 solicitudes de particulares.

Cabana iniciou a loita contra a praga a comezos de marzo, sendo un dos primeiros municipios da comarca en colocar trampas e poñelas á disposición da veciñanza de xeito gratuíto. Cada fogar pode solicitar unha trampa e un litro de líquido atraínte para colocar nos seus terreos particulares, e os apicultores e apicultoras do municipio tamén poderán pedir trampas ou repelente adicional .

As persoas interesadas en unirse á campaña de trampeo poderán facelo ata o 31 de maio a través da páxina web do Concello.