- A través deste vehículo pódense percorrer os principais puntos da vila, con traxectos ata a Barca ou o Parador.
O tren turístico xa opera en Muxía con dous itinerarios e unha gran acollida por parte do público visitante, segundo afirmaron desde o propio Concello.
O vehículo percorre os principais puntos do pobo con dous itinerarios diferenciados. O primeiro é o máis curto e durante 20 minutos os usuarios visitarán o porto, o Coído, a zona da Pel, o Santuario da Virxe da Barca e o paseo marítimo para rematar de novo no porto. Haberá saídas ás 11.00, 13.00 e 17.00 horas. O custo é de 3 euros para os adultos e 1,5 euros para os nenos.
O segundo traxecto, cunha duración estimada de 60 minutos e con saída e meta no porto, pasará pola zona da Camposa, a Arliña, o Parador, o Coído, o núcleo urbano de Muxía, a zona da Pel e o Santuario. Neste caso as viaxes realizaranse cada dúas horas de 12 a 18 horas e tamén ás 19.30 horas. O prezo para adultos alcanzará os 7 euros e o da rapazada 3 euros. En ambos traxectos só se permitirá un transbordo na mesma parada na que se fixera unha baixada previamente.
O tren estará operativo de luns a domingo ata finais de setembro, facilitando ademais que os turistas visiten moitos recunchos da vila despois de que este xoves quedara prohibida a circulación de autobuses pola rúa Virxe da Barca así como o seu estacionamento na contorna do Santuario.
O alcalde, Iago Toba, sinala que Muxía «está a vivir o mellor momento turístico» e que este tren é «un atractivo máis, ao nivel do das grandes cidades como Santiago ou Vigo».