A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) presentou os datos de actividade da area de hemodoazón, quedando patente a excelente resposta da cidadanía galega a favor da doazón de sangue, nun ano aínda condicionado pola pandemia da covid 19. O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas e a a directora de ADOS, Marisa López García, agradeceron a todas as persoas que fixeron posible que, no pasado ano, se chegase ás 106.287 doazóns de sangue, o que permitiu poder satisfacer as demandas hemoterápicas dos centros hospitalarios galegos.
Un dos aspectos salientables nas estatísticas de participación do ano pasado é a concentración do 48% das doazóns nas sete grandes cidades galegas, nas que se rexistraron 51.198, o que supón un índice de 52/1.000 habitantes. Sendo a cidade de maior taxa de doazóns Santiago de Compostela, con 104/1.000 habitantes, aínda que en números totais foi a o concello de Vigo o que obtivo as maiores cifras, con 14.238 doazóns de sangue.
Novos doadores
As doazóns alcanzadas no pasado ano supuxeron unha taxa de 39 doazóns por cada mil habitantes e ano, cifra que posicionou á nosa Comunidade Autónoma no terceiro posto do ránking nacional. Estas cifras significan 1.650 doazóns máis con respecto ao ano 2020, un incremento significativo tendo en conta que o 2021 continuou marcado pola pandemia. Dende ADOS querese agradecer a todos os doadoreso seu compromiso nestas circunstancias tan especiais, que ten permitido aumentar o número de doazóns, así como acadar 6.887 novos doadores, un 9% do total, que se incorporaron á base de doantes de Galicia que, na actualidade, supera os 425.000.