Boa sintonía entre os empresarios de Santa Comba e a Xunta para o arranxo da AC-406


A directiva da Asociación de Empresarios de Santa Comba non cesa no seu empeño de solicitar melloras para a comarca xalleira e en particular para os seus asociados. O presidente da Entidade, Alberto Romar Landeira, reuniuse o pasado 15 de febreiro coa Conselleira de Infraestruturas e Movilidad da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, onde puxo sobre a mesa os problemas que carrexa o deficiente estado da estrada AC-406, que comunica Santa Comba con Portomouro. Desde a Asociación afirman e agradecen que hai boa sintonía coa consellería, pero para que non caia no esquecemento, Alberto Romar volveu a chamar á súa porta esta mesma semana. Neste caso foi recibido polo Xefe Territorial, José Antonio Álvarez, na delegación da Consellería na Coruña. Agora ademais, a Asociación solicitou información do estado da petición de fondos europeos ao Goberno español por parte da Xunta, co fin de levar a cabo a segunda fase desta estrada, concretamente desde Abuín ata Failde. Álvarez afirmou que neste momento está a levarse a cabo a redacción do proxecto e comprometeuse a manter informada á Asociación dos pasos que se vaian dando, pero de momento dixo estar á espera da resposta do Goberno do Estado.