Boiro | O parque infantil da Praza de Galicia terá unha cuberta con iluminación solar fotovoltaica


A actuación, valorada en algo mais de 247 mil euros estará financiada ao 100% pola Deputación da Coruña, permitirá crear unha cuberta tipo pérgola duns 22×32 metros para que funcione como abrigo tanto do parque infantil existente como do espazo contiguo destinado a parada do transporte público.

A estrutura estará formada por pórticos de madeira laminada e o peche da cuberta realizarase a base de láminas de policabornato celular de 16 mm e protección ós raios UV para garantir o control da calor e da radiación solar emitida no interior do espazo cuberto. Tamén se instalará iluminación mediante tiras de LED integradas nun perfil de aluminio e, en zonas accesibles, colocaranse cargadores USB de intemperie con resistencia ao po e á humidade. Este sistema de alumeado e cargadores USB será alimentado por paneis solares fotovoltaicos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, apuntou que o proxecto “é un bo exemplo de como o Plan Único axuda a mellorar as infraestruturas e servizos municipais, deixando ademais que sexan os propios concellos os que decidan cales son as súas necesidades”.