Bombeiros de Ferrol agardan coñecer a súa misión en Turquía

1 minutes read

Bombeiros de Ferrol tiñan todo preparado para viaxar con Lola e Anka, dúas das cadelas da Asociación de Cans de Salvamento de Galicia, que canda os seus guías ían intentar salvar vidas en Turquía, pero a misión cancelouse.

O xefe dos Bombeiros de Ferrol, Aureliano Bacelo, explica que «a ONU decidiu que xa non era operativo levar cans. Coa chegada masiva de equipos de rescate e de procura non se da desprazado á zona de traballo».

O equipo respondía á chamada da ONG Salvamento, Axuda e Rescate desprazada coa ONU á zona do terremoto.

Aureliano engade que «nos próximos días dirán se imos facer rescates, de apoio ou algún relevo do persoal que xa está alí. Temos persoal adestrado en rescate e desentullo, con material hidráulico para mover pezas con peso considerable». Queren sumar esforzos desde Galicia. As necesidades son tremendas.

«A axuda médica é moi importante. Estamos pedindo que se abran as fronteiras, que poidan chegar medicamentos para seguir apoiando os hospitais, pero tamén tendas de campaña, material de primeiro abrigo, roupa, comida», di o coordinador de Médicos Sen Fronteiras para Siria, Francisco Otero.

É dar resposta a milleiros de persoas que están na rúa sen saber onde ir.