O Pico Sacro na literatura. Esta é a temática sobre a que xirará a quinta edición do ciclo “Un mes e Pico”, unha iniciativa que encherá Boqueixón de conferencias, contacontos, presentacións de libros e a recuperación da tradicional cerimonia do lume sagrado. Un programa que foi presentado esta mañá polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualade, Ana María Seijo, que estiveron acompañados por tres dos autores que participarán no programa: Raquel Sánchez Mella, Javier Buide Del Real e Pablo Iglesias Rendo.
Se as primeiras edicións se centraron na sacralidade, na relación do Pico Sacro coa cultura xacobea, na arqueoloxía e na espeleoloxía do monte sacro, nesta ocasión “imos centrarnos na presenza do Pico Sacro na literatura, algo que sabemos ben en Boqueixón onde xa temos editado varios folletos e mesmo libros sobre esta cuestión, que están accesibles ao público a través da nosa páxina web”, adiantou o alcalde de Boqueixón.
Inicio do ciclo
De feito, o alcalde salientou que o primeiro acto do programa será “a presentación do conto infantil Lupiña e o seu bosque máxico, de Raquel Sánchez Mella, veciña de Boqueixón, que está editado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e que agasallaremos a todas as persoas que asistan ao acto”. Unha presentación que terá lugar o vindeiro venres 26 de maio, ás 19:00 horas, no Centro de Interpretación do Pico Sacro en Cachosenande (Lestedo-Boqueixón).
O libro será presentado pola súa autora, Raquel Sánchez Mella, e polo ilustrador Gabriel Iglesias Sanmartín, que serán introducidos polo alcalde Manuel Fernández Munín. A presentación complementarase cun contacontos infantil, para o que haberá que anotarse previamente no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061 ou boqueixonturismo@gmail.com).