Boqueixón acollerá un obradoiro práctico sobre vexetais multifuncionais en agroecoloxía


A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción formativa sobre especies vexetais multifuncionais. Levarase a cabo no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, no concello de Boqueixón o 2 e o 9 de xullo cunha duración total de 12 horas, en horario de mañá e de tarde

Os obradoiros abordan tanto aspectos teóricos coma prácticos sobre o estudo das especies vexetais multifuncionais e a súa adaptación fronte ao cambio climático. Estas iniciativas están dirixidas ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, e tamén ás persoas con expectativa de incorporación, en concreto a xuventude do medio rural.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende proporcionar aos alumnos deste curso coñecementos e ferramentas básicas sobre as especies que medran no entorno natural e nas hortas agroecolóxicas. Ademais pretende amosar as diferentes especies, tanto silvestres como cultivadas, e as vantaxes dos vexetais.