Boqueixón contrata obras de mellora en nove das súas estradas

Cedida.

O Concello de Boqueixón vén de pechar a contratación de seis proxectos de obras por case 125.000 euros, que permitirán o arranxo e mellora de nove estradas no municipio. Seis proxectos incluídos no Plan Complementario do POS+2021.

A actuación máis importante, orzamentariamente falando, é a mellora do viario de Sucira a Frenza, cun investimento de máis de 47.000 euros. O Concello reparará as fochancas e mellorará a capa de rodaxe con 6 centímetros de mestura bituminosa en quente nos 880 metros da estrada, de 4,5 metros de ancho. A maiores, acometeranse 100 m2 de sobreanchos, para mellorar a seguridade viaria.

Así mesmo, mellorarase o firme do viario interior no lugar de Santa Baia. A obra inclúe a demolición do pavimento existente no interior do núcleo e a súa substitución por outro de formigón de 15 centímetros de espesor sobre unha capa de zahorra de 5 centímetros. Neste tramo, duns 820 m2, tamén se executará unha rede de drenaxe da auga da chuvia e se adaptarán os pozos de rexistro á cota da nova rasante.

Outro dos proxectos é a mellora do firme do viario desde o Cruce de Castro a Camporrapado e do viario de Fonte de Rebordaos á pista de Bendaña. No caso do camiño do Cruce de Castro a Camporrapado, actuarase en tres tramos mellorando a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma. O mesmo tratamento que se aplicará no viario de Fonte de Rebordaos á pista de Bendaña, que será ancheada e onde será colocado un sinal de Stop.

Outros 31.000 euros irán destinados a mellorar o firme dun viario en Ardillero e outro de Xiadá cun tratamento asfáltico semiprofundo, previa reparación de fochancas e arranxo con tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, contémplanse a limpeza das gabias de ambas marxes para recuperar a sección hidráulica, formando beiravías para o paso dos peóns e perfilando os noiros para garantir unha correcta drenaxe lonxitudinal e transversal.

Por último, algo máis de 30.000 euros irán a un proxecto con dúas actuacións: mellora do firme do viario de Noenlle a Mareque por Vilar e a pavimentación de interiores en Vilaboa. O primeiro é o tramo máis longo dos mellorados nesta quenda: 1,6 quilómetros dun viario de 3,75 metros de ancho e que se vai anchear ao longo de 180 m2 e se vai mellorar a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma. No caso de Vilaboa, a actuación dividirase en dous treitos, de 90 e 425 metros de longo, nos que se mellorará a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado.