Boqueixón investirá 4,7 M€ en alumeado público e 17 km de sendas


O programa DUS 5000 do Ministerio para a Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico vén de comunicar a concesión de 2 subvencións por case 4 millóns de euros para estas inversións.

O Concello de Boqueixón achegará de fondos propios os máis de 700.000 euros restantes. “Con estas inversións melloraremos a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, tanto polo aforro en custes enerxéticos como polo incremento dos itinerarios peonís de cara a conseguir uns hábitos de vida máis saudables”, explica o alcalde, Manuel Fernández Munín.

Dous investimentos que se farán realidade nos próximos meses, agora que o Concello de Boqueixón vén de recibir a confirmación da concesión de dúas subvencións do programa DUS 5000 do Ministerio para a Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico por 3.913.640 euros. O Concello complementará esta subvención cunha achega de 773.760 euros procedentes de fondos propios.

Neste senso, Manuel Fernández Munín destacou “a importancia destas actuacións, que se farán posible gracias aos esforzos feitos por todos nos últimos anos e que nos permitirán facer fronte aos máis de 700.000 euros que terá que aportar o Concello”.

Mellora do alumeado

Así, o Concello de Boqueixón levará a cabo a modernización da súa rede de alumeado público mediante un sistema de telexestión e a substitución das luminarias coa incorporación da tecnoloxía LED. Esta inversión supón un desembolso de 1.698.400 euros, dos que o Concello terá que aportar 254.760 euros.

Con esta actuación, o Concello pretende reducir a contaminación lumínica e ambiental, así como aforrar en custes ante a suba dos prezos da enerxía, mediante a substitución da totalidade dos puntos de luz de alumeado público por un sistema LED máis eficiente. Actualmente, os núcleos de O Forte, Camporrapado, Ponte Ledesma e Ardesende xa dispoñen desta tecnoloxía LED na súa de rede de alumeado. O proxecto irá acompañado dun sistema de telexestión que permitirá un control directo sobre as luminarias.

Sendas peonís

Por outra banda, dentro do mesmo programa DUS 5000 confirmouse a aprobación dun proxecto por importe de 2.989.000 euros, dos cales o Concello aportará case 519.000 euros, para a execución de 11 actuacións, que suporán a creación de 17 quilómetros de sendas peonís en distintos puntos do Concello.

Manuel Fernández Munín explica que “a execución das sendas peonís supón a ampliación de viarios xa existentes e, nalgúns casos, a cesión por parte da veciñanza para que se poidan executar esas ampliacións. Nos próximos meses redactaranse os proxectos e iremos presentándollos aos veciños e veciñas”.