Boqueixón ofrece teatro afeccionado os tres primeiros domingos de novembro

A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá nos tres primeiros domingos de novembro, ás 17:30 horas, unha actuación do ciclo de teatro afeccionado “BocAberta”, organizado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Deputación da Coruña e a Asociación Club de Maiores de Boqueixón. Unhas sesións dirixidas a todos os públicos e cuxa entrada será completamente libre e de balde.

O ciclo comezará este domingo 5 de novembro con «A conexión augardente», do Grupo de Teatro de Maiores do Centro social de Vedra. Trátase dunha historia de amor, detectives e asasinatos, como eles mesmos a describen.

Para o domingo 12 de novembro está prevista «O boleto premiado», obra da Asociación Cultural Pedroso (Narón), unha divertida comedia que fai bo o dito de que os cartos non dan sempre a felicidade.

Finalmente, o 19 de novembro será a quenda de Andaravía Teatro (Vedra), que pechará o ciclo poñendo en escena «Xacovedra», un espectáculo de variedades con cancións e sketches sobre o presente e o futuro do Xacobeo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha