O Carballo de Gregorio aspira a converterse na “Árbore de España 2023”. O Concello de Boqueixón presentou a candidatura desta magnífica árbore centenaria que preside a veiga de Sergude, no lugar de Rodiño Grande. Unha candidatura que foi aceptada pola organización Bosques sin Fronteras, que convoca este certame para significar e poñer en valor árbores que, por distintas características, son merecedoras dun recoñecemento e respecto social.
O alcalde, Manuel Fernández Munín, fai un chamamento á mobilización “non so da veciñanza de Boqueixón senón de todas as persoas que amamos a natureza a prol do Carballo de Gregorio, unha auténtica reliquia botánica vencellada tanto á capela de San Bieito de Sergude como ao Pico Sacro e toda a súa mitoloxía e lendas relacionadas co mito Xacobeo. Non en van, tanto peregrinos como camiñantes sempre se acolleron baixo a súa sobra e continúan facéndoo”.
O alcalde solicita o apoio a esta candidatura votando na web www.arbolybosquedelaño.es antes do 10 de decembro.