Boqueixón presentou o programa da 41ª Festa da Filloa de Lestedo

1 minutes read

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato; e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, presentaron no CIFP Compostela o programa da 41ª edición da Festa da Filloa de Lestedo, que terá lugar en Boqueixón o domingo 18 de febreiro. Un acto no que estiveron acompañados polo xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Antonio Casas Calviño; o director do CFIP Compostela, Ramiro Esparís, e a actriz e presentadora María Mera.

O domingo 18 de febreiro, día grande da 41 Festa da Filloa, dará comezo ás 8:00 horas co acendido das máquinas filloeiras, con capacidade para elaborar preto de 2.000 filloas cada hora. A partir das 11:00 horas a música correrá a cargo de grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. Ás 12:00 horas terá lugar o VII Gran Desfile Intermunicipal dos Xenerais da Ulla ata o campo da festa, onde ás 13:00 horas darán paso ao pregón de Javier Olleros, chef do Restaurante Culler de Pau, con dúas Estrelas Michelín. O acto será presentado pola actriz María Mera.

Ás 13:45 horas será o momento do Gran Alto dos Xenerais da Ulla que, mediante estrofas rimadas e con moita ironía e humor, falarán de política e temas de actualidade. Durante toda a xornada poderán degustarse diversos tipos de elaboracións de filloas: á pedra, recheas, salgadas, doces, da máquina filloeira… A sesión vermú correrá a cargo do Grupo Ibiza. E pola tarde, o grupo Origen e a orquestra París de Noia protagonizarán a verbena a partir das 18:00 horas.