A IV Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller celebrada esta fin de semana en Boqueixón non foi quizais a máis concorrida da súa historia, pero si a máis participativa. As máis de corenta persoas que se deron cita no auditorio da Casa da Cultura de Camporrapado debateron intensamente sobre os dous temas propostos: apoio á muller en contextos de prostitución e o xornalismo como ferramenta pola igualdade. Tal foi o interese que espertaron ambos temas, que a xornada prolongouse unha hora máis do inicialmente previsto.
Unha xornada organizada polo Centro de Información á Muller de Boqueixón, en colaboración co Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, foi o encargado de presidir o evento e tamén de dar a benvida ás persoas asistentes lembrando que “todos e todas somos necesarios para erradicar a violencia de xénero da nosa sociedade”, facendo fincapé en que “temos que implicarnos e temos que trasladarlles ás vítimas que non están soas e que poden contar coa nosa axuda”.
Acto seguido, a directora do CIM, Cristina Carbajales, deu paso a Tatiana Conde, profesional do Programa Vagalume de apoio integral a mulleres en contextos de prostitución ou vítimas de trata con fins de explotación sexual. Tatiana Conde explicou que “a desigualdade de xénero, a feminización da pobreza e os fluxos migratorios son factores interrelacionados e determinantes na prostitución, na explotación sexual e na trata de persoas con fins de explotacións sexual”.
Posteriormente, Yolanda Neira, psicóloga do CIM de Boqueixón, presentou a Eliana Martíns, xornalista especializada en igualdade e perspectiva de xénero na comunicación, quen abordou a ponencia “O xornalismo, aliado para a igualdade”Eliana é vogal do Colexio de Xornalistas de Galicia e da asociación Xornalistas Galegas.