Boqueixón | Unhas 300 persoas desfrutaron do XLVII Desfile de Carrozas de San Cidre


Unhas trescentas persoas desafiaron ás fortes choivas rexistradas durante este domingo e desfrutaron do XLVII Desfile de Carrozas de San Cidre, organizado pola Comisión de Festas de Oural en colaboración co Concello de Boqueixón. Unha festividade que tras dous anos de ausencia pola pandemia sanitaria congregou a seis carrozas, que repartiron viño e petiscos variados (filloas con chouirizo, orella…) entre os presentes.

A música correu a cargo da Charanga BB+, Tania Veiras e Pena do Corvo, mentres que pola tarde a verbena chegou da man da Orquestra Finisterre. Tras un desfile por Camporrapado, as carrozas trasladáronse ao campo da festa de Oural, onde tivo lugar o pregón a cargo do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

O pregoeiro amosouse moi “orgulloso de dar o pregón”, convidando aos presentes a “festexar e vivir a vida, sementade para o día de mañá”. Ademais de amosar a súa “admiración polo traballo que fan as persoas que elaboran as carrozas, onde me gusta ver que parte da mocidade se une para manter a tradición”, Valentín García destacou que “esta festa celebra un solsticio no momento no que saímos da pandemia, unha coincidencia moi bonita”.