Boqueixón verá mellorado o seu saneamento coa nova depuradora de Sergude


A finais da primavera de 2022 Boqueixón verá mellorado o seu saneamento coa nova depuradora de Sergude na que se invisten máis de 1,8 millóns de euros.
Na actualidade, estase a avanzar nas tarefas de escavación e no movemento de terras para a construción desta depuradora que se iniciou a comezos de maio.
Esta intervención é froito do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Boqueixón, polo que a Administración autonómica executa as obras e contribúe co 80% do financiamento e o municipio achega o investimento restante, dispón os terreos necesarios e asume o mantemento das instalacións.
A actual depuradora é un reactor secuencial que realiza no mesmo tanque a decantación e o tratamento biolóxico, polo que a súa capacidade está condicionada polo tempo que se precisa para realizar cada un dos procesos. A nova estación depuradora inclúe liña de auga e liña de lodos, con pretratamento e tratamento biolóxico, cunha capacidade media de 44 metros cúbicos de auga á hora. En caso de choivas intensas que superen o caudal punta, o exceso de augas enviarase a un tanque de tormentas.