Boris Johnson pide desculpas e négase a dimitir polas festas ilegais


O informe independente sobre o Partygate, as festas ilegais celebradas en Downing Street durante o confinamento obrigatorio pola pandemia de 2020, revela que Boris Johnson e o seu equipo incumprían reiteradamente as normas que impoñían ao resto do Reino Unido.

Numerosas fotos mostran ao primeiro ministro e a outras persoas en reunións informais con bebidas mentres os seus concidadáns estaban illados nas súas casas e tiñan prohibido visitar mesmo aos seus familiares enfermos. Boris Johnson, a súa muller Carrie ou o ministro de Economía Rishi Sunak están entre os 126 multados tras a conclusión da investigación policial.

Johnson aceptou o feitos pero negouse a dimitir: «Quero empezar hoxe renovando as miñas desculpas á Cámara e a todo o país pola breve reunión á hora do xantar o 19 de xuño de 2020 na Sala do Consello de Ministros, durante a cal ocupei o meu lugar na mesa do gabinete e pola que recibín un aviso de sanción fixa. E tamén quero dicir, señor Presidente, sobre todo, que asumo toda a responsabilidade por todo o que ocorreu baixo o meu mandato».