Bota a andar a décima edición do programa FalaRedes


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou unha nova edición do programa de dinamización da lingua galega FalaRedes 2021, que por décimo ano consecutivo chega aos concellos e entidades adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia con máis de 180 pases e 30 actividades.

Este programa de dinamización lingüística está pensado para as entidades da Rede de Dinamización Lingüística e para os veciños dos municipios aos que chegará a programación. “Trátase dun amplo abano de actividades que encherá o verán e o outono de programación de lecer en galego e de calidade”.
Participaron tamén na presentación Atenea García, Pepo Suevos, Borxa Ínsua, Emilio Oro, José Expósito, Pepablo Patiño, artistas encargados das actividades do novo FalaRedes; Erica González, representante de Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega; Mariola Cerdeiro, representante de Urdime Socidedade Cooperativa Galega e Elvira Casal, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.
En total, o FalaRedes repartirá, ata finais de agosto, máis de 30 sesións dunha ducia de actividades de diferente índole entre 26 concellos e entidades adscritas á RDL. Destas actividades, 11 están destinadas a un público infantil e familiar que abrangue dende os máis miúdos, bebés de 0 a 3 anos, como é o caso do espectáculo-obradoiro Derriba da lúa, da compañía Rilo & Penadique, baixo xestión de Culturactiva, ata os adolescentes, o público potencial ao que enfoca o seu monólogo humorístico, Falade galego rapazada… é unha pasada!, da man do coñecido actor e cómico Pepo Suevos.

Espectáculos musicais, coma o dos Festiculores Troupe; concursos como o Rilla Rilla, da compañía Xarope Tulú (Urdime); maxia para facer soñar a toda a familia, coma a que ofrece o Mago Teto co seu espectáculo O camiño do afiador (Culturactiva) e moito teatro e monicreques da man de Inventi Teatro, Fantoches Baj, Teatro Ghazafelhos e Títeres Alakrán, tamén baixo xestión de Urdime, entre outros, completan a programación do FalaRedes para este verán 2021.