Bota a andar a nova dirección do BNG co reto de gobernar Galicia en 2024

BNG.

O Consello Nacional do BNG, máximo órgano de dirección entre Asembleas, quedou constituído este sábado con 105 integrantes, 50 elixidos pola Asemblea Nacional, entre eles os 20 da Executiva Nacional que lidera a portavoz, Ana Pontón, e 55 en representación das comarcas nas que o Bloque se organiza por todo o País.

A líder nacionalista emprazou á nova dirección a dar o mellor de si e traballar con “intelixencia, coraxe e humildade” para ensanchar a base social do BNG e disputarlle a hexemonía ao PP, co obxectivo de liderar o Goberno de Galicia en 2024 e abrir un tempo novo de futuro e esperanza para os galegos e as galegas.

Pontón comprometeu alternativas e solucións “aos problemas que impactan de cheo na xente moza, nas familias, na clase traballadora, nas persoas autónomas, na pequenas e medianas empresas” e sinalou un camiño de tres anos no que, escoitando á sociedade galega e estando “ao lado da xente”, o BNG siga fortalecendo a súa base social, avanzando nas eleccións municipais con proxectos para as vilas e as cidades que cheguen á maioría social, aumentando a representación nas Cortes do Estado e no Parlamento europeo como garantía de defensa dos intereses de Galiza e sentando “unhas bases sólidas, traballando man a man coa sociedade, para lograr o obxectivo de presidir a Xunta en 2024”.