A creación dun operador enerxético municipal na Coruña, que empregue fontes de enerxía 100% renovables, que poida ofrecer unha alternativa ás grandes empresas eléctricas, dará este martes 12 de abril un novo paso coa posta en marcha da comisión político-técnica que se encargará de perfilar a forma legal deste proxecto de eficiencia, sostibilidade enerxética e loita contra o cambio climático.
Esta comisión estará formada por persoal técnico municipal, e terá representación de Emalcsa (a empresa que asumirá a xestión do operador) e de todos os grupos políticos da Corporación, contando co apoio de persoal investigador das universidades da Coruña e Santiago de Compostela.
Dotar ao Concello da Coruña dun operador enerxético forma parte dos acordos asinados entre a Marea Atlántica e o PSdeG-PSOE para a investidura de Inés Rey como alcaldesa, e foi renovado no marco da aprobación dos Orzamentos 2022.