O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou este martes en Viveiro a mostra Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, que exhibe a evolución destas agrupacións desde principios do século XX ata a actualidade. O proxecto, que se enmarca dentro das itinerancias expositivas do Gaiás, pode visitarse ata o 9 de xuño nos Xardíns Noriega Varela.
No acto de apertura, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que a mostra afonda nas transformacións históricas e culturais das formacións musicais populares galegas ao longo do tempo. Neste senso, destacou o grande impacto económico, social e cultural “dunhas agrupacións que mobilizan cada ano a milleiros de persoas, así como da influencia que teñen na música galega actual”.
Así mesmo, precisou que este proxecto nace dunha exposición que acolleu a Biblioteca de Galicia en 2023 e fai un repaso a un tema con fonda pegada na sociedade galega, pero pouco analizado academicamente. Na mesma liña, Anxo M. Lorenzo sinalou a importancia de “achegar esta mostra a toda a sociedade para pór en valor o legado cultural das orquestras de verbena na nosa Comunidade”. Na inauguración estivo acompañado pola alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e a comisaria bibliográfica da mostra, Elena Díaz del Río López.
Viveiro convértese na sexta vila galega en acoller a exposición Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, que pasou por Ponteareas, Baiona, Ribadavia, Guitiriz e Sanxenxo no marco do programa de itinerancias da Cidade da Cultura, que ten como finalidade levar a outros lugares de Galicia e España contidos culturais que se xestan no Gaiás. Ao respecto, cómpre lembrar que en 2025 realizáronse 11 proxectos que acadaron máis de 60.000 visitantes e que para este ano están previstas, a día de hoxe, 11 exposicións.
Orquestra Trébol de Ferrol, actuando na festas do San Xoán de Carballo 2025.