Brais Lamela e Alba Guzmán, gañadores dos certames de poesía e novela do Xuventude Crea

1 minutes read

Este luns déronse a coñecer os gañadores dos certames de Poesía e Novela curta do programa Xuventude Crea 2021: Brais Lamela Gómez, de Vilalba, e a ourensá Alba Guzman Falcón, respectivamente. Cada un deles recibirá unha gratificación económica de 3.000 euros, ademais de apoio na difusión dos traballos galardoados.

Na modalidade de Poesía o xurado recoñeceu a profundidade filosófica, a modernidade e o manexo dos recursos literarios que fai Brais Lamela na obra que presentou a concurso: A linguaxe dos outros. En segundo lugar quedou Judith Ruso Pereiro, de Negreira, con Hábitat hostil; e a terceira clasificada foi a santiaguesa Navia Rivas Castro con Aprender a respirar. Un total de 38 propostas competiron este ano por facerse co galardón de Poesía do Xuventude Crea.

En canto á categoría de Novela curta, Alba Guzmán Falcón, de Ourense, fíxose co primeiro premio por Xoaniña de deus. Entre os trece escritos que se presentaron, quedou en segunda posición o do mozo de Santiago Adrián Noia Vázquez, coa obra O país dos raposos. O terceiro lugar foi para Aarón Barreira Diz, de Culleredo, por Indicios esferoides.

Ademais dos 3.000 euros de premio para os gañadores, outórganse 1.500 euros para os segundos clasificados e 1.000 euros para os creadores que quedaron en terceiro lugar.