O extremo e defensor central do Calvo Xiria Balonmán, Brais Puñal, deixa a súa labor de xogador para ser o segundo adestrador do equipo da man de Adrián Dubra.
Brais estivo apartado das pistas nos últimos meses por unha lesión de xeonllo que arrastra desde hai tempo. Na vindeira tempada compaxinará as labores de adestrador das categorías base coa súa nova función no equipo senior masculino.
A pesares da súa xuventude, Brais é xa un veterano no equipo e referente para compañeiros e afeccionados. Despois das alegrías que ten dado durante moitos anos nas pistas, agora poderemos seguir desfrutando do seu bo traballo desde o banquillo.
Desde a entidade aproveitan para agradecer os anos de esforzo, traballo duro e compromiso que adicou a este clube toda a súa vida deportiva e desexanlle moita sorte na nova etapa que de seguro lle traerá moi bos momentos e moitos títulos.
Segundo as súas palabras: «Chegou o momento de despedirse da miña gran paixón, a que tantas alegrías e amigos me dou. Os meus problemas de xeonllo fan que teña que deixar de desfrutar na pista. Pero, afortunadamente déronme a oportunidade de seguir desfrutando desde o banquillo. Para mín é un gran cambio, pero á vez unha oportunidade que afronto con moitas ganas de aprender e traballar co equipo.»