O Concello de Ponteceso ven de renovar a pista polideportiva de Brantuas e Niñóns, atendendo así as demandas da veciñanza das dúas parroquias. O alcalde, Lois García Carballido; o concelleiro de Obras, Miguel Ángel González; a concelleira de Deporte, Raquel Fondo, e o concelleiro de Mobilidade, Faustino Santiago, puideron comprobar non só o ben que quedou a instalación, senón as gañas que tiñan as familias da zona de estreala.
A pista polideportiva, que nunca fora pintada, está agora perfectamente sinalizada para a práctica do tenis e do fútbol sala, xa que ademais de estar pintada instaláronlle novas porterías.
Como estreno, arrinca a Semana Cultural de Brantuas e Niñóns, organizada pola Asociación Cultural Nosa Señora do Faro coa colaboración do Concello de Ponteceso, a Deputación Provincial da Coruña e a Fundación Eduardo Pondal.