Brent Renaud, primeiro xornalista estranxeiro morto en Ucraína

1 minutes read

Brent Renaud converteuse no primeiro xornalista estranxeiro morto en Ucraína. Este estadounidense, de 50 anos, foi abatido a tiros nun posto de control ruso en Irpin, preto da capital. Un compañeiro, tamén estadounidense, que resultou ferido no ataque, contou que o seu compatriota morto recibiu un disparo no pescozo. Estados Unidos prometeu que aplicará as «consecuencias apropiadas» pola morte do seu cidadán.

Xornalista independente e documentalista, Renaud colaborara no pasado con The New York Times, cuxa acreditación portaba cando foi tiroteado. Como cineasta traballou en temas como a crise de refuxiados en América Central, as crises políticas en Exipto ou a loita contra o extremismo en África e Oriente Medio.

Reporteiros Sen Fronteiras esixiu unha investigación, insistindo en que «os xornalistas non deben ser obxectivos de guerra». Este non é o primeiro ataque contra profesionais da información desde que comezou a invasión rusa, o 24 de febreiro, nin o primeiro xornalista que perde a vida. Un traballador da televión pública ucraína morreu o 1 de marzo no bombardeo ruso contra a torre de televisión de Kiev.