O Brexit vai ser o tema central do cume que os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea van celebrar este xoves e este venres en Bruxelas. E unha vez máis, o tempo aprema, xa que a saída de Reino Unido está prevista para o 31 de outubro. No caso de que non se logre pechar un acordo de saída ou non haxa prórroga, a situación será complicada. «É verdade que vai haber un momento que vai ser complicado. Se hai un Brexit duro, todos os nosos produtos, por exemplo agrícolas, van ter problemas para chegar a Gran Bretaña. Pero estamos preparados para esa opción», explica Javier Moreno, eurodeputado español do grupo socialista.
O cume tamén debería servir para dar un impulso aos orzamentos plurianuais da Unión Europea. E precisamente, a saída de Reino Unido fai preveer recortes. A Comisión Europea quere dar prioridade á loita contra o cambio climático, a seguridade e o control da inmigración. Pero podería ir en detrimento de partidas importantes para España.