O Pleno Municipal de Brión aprobou este mércores os Orzamentos Municipais para 2022, que se presentan equilibrados en gastos e ingresos: 7.085.081,31 euros, un 5,04% máis ca en 2021 (6.710.037,97 euros). Unhas contas que aumentan o gasto social nun 16% e nun 6,15% o investimento en obras. Os orzamentos saíron adiante co voto a favor do PSOE e o PP, e a abstención do BNG.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, agradeceu o traballo dos concelleiros do grupo de Goberno e do persoal municipal na elaboración “do mellor orzamento que se pode facer cos recursos que temos e co que se trata de recuperar a normalidade na realización de actividades que quedaron paralizadas nos dous anos anteriores de pandemia sanitaria”.
Neste sentido, Pablo Lago destacou especialmente que “non hai préstamos previstos, increméntase o gasto social nun 16% e subimos tamén en ámbitos que cremos fundamentais para esta volta á normalidade como, por exemplo, o fomento do emprego, que pasa de 177.000 a 184.000 euros ou cultura, que medra un 6%, entre outros”. Así mesmo, explicou que en ensino, “excluídos os gastos extraordinarios do ano pasado en tema Covid, subimos tamén en 2.000 euros”.
