Brión aproba unha modificación de crédito para diferentes investimentos

A unanimidade caracterizou a sesión plenaria ordinaria de outubro en Brión, xa que todos os puntos da orde do día foron aprobados co apoio dos tres grupos municipais. Así, o Pleno aprobou unha modificación de crédito por importe de 138.339,01 euros con cargo ao remanente líquido de tesourería para acometer actuacións de melloras en estradas e pistas polideportivas.

A intervención máis importante, orzamentariamente falando, é a que terá lugar no polideportivo municipal de Pedrouzos, onde se investirán case 60.000 euros en dúas actuacións: renovación do pavimento da pista polideportiva e substitución do sistema de alumeado.

O Pleno aprobou tamén a adhesión do Concello de Brión ao Plan Xeral de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude (Premadecor) da Deputación da Coruña, unha iniciativa que ten como obxectivo garantir unha axeitada xestión dos fondos Next Generation; así como a actualización da ordenanza fiscal da auga de acordo ao IPC interanual de agosto de 2021 a agosto de 2022.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha