O alcalde de Brión, Pablo Lago, mantivo unha reunión co delegado de UFD na Coruña, Emilio Castro, e co xefe de Operacións de Santiago, Fernando Fernández, para analizar a situación actual da rede de distribución no municipio e seguir colaborando na mellora continua da calidade e garantía de subministro. Nese sentido, Castro confirmou que “a distribuidora ten previsto incluír no seu plan de investimentos para este año actuacións e iniciativas para robustecer a rede de distribución de Brión, especialmente en zonas rurais, e así seguir mellorando o servizo aos veciños da zona.”
Pola súa banda, Lago Sanmartín amosou a súa satisfacción pola boa disposición de UFD na resolución das incidencias que afectan a veciños e empresas do municipio, e agradeceu a vontade da distribuidora de seguir investindo na mellora da calidade do subministro eléctrico na zona, sobre todo no rural. “Pola nosa parte, asumimos tamén o compromiso de insistir na importancia de que a veciñanza teña limpos os terreos por onde discorren liñas secundarias, de cara a minguar o risco de incidencias por caída de árbores”, apuntou.
O alcalde trasladoulles que “dende hai varios meses prodúcense cortes intermitentes de subministro eléctrico en varias parroquias de Brión, sobre todo procedentes das fases que veñen de Negreira. Son cortes continuados e de distinta duración que impiden que a xente poida teletraballar ou estudar dende as súas vivendas, ademais do risco de que se poidan danar os electrodomésticos e equipos informáticos das vivendas e empresas do municipio”. Unha situación que tivo o seu cumio nos cortes de subministro producidos o pasado 31 de decembro, durante a celebración da Noitevella, o que motivou numerosas protestas veciñais, das que o alcalde brionés aproveitou para darlles traslado aos responsables de UFD.
Medio millón de investimentos
UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, investiu durante o ano 2022 en torno a medio millón de euros en varias actuacións e obras de mellora de instalacións eléctricas en media e baixa tensión en Brión para aumentar a capacidade da rede de distribución do municipio e optimizar a fiabilidade do subministro eléctrico. Entre outras actuacións, a distribuidora ampliou a potencia do transformador de Gundín e a capacidade da súa rede de baixa tensión e tamén aumentou a capacidade da rede de baixa tensión en Chave de Ponte. Así mesmo, UFD renovou varias infraestruturas para mellorar a calidade de subministro como nos Ánxeles e en Pousada (Viceso), onde se substituíron os transformadores.