O Concello de Brión condena enerxicamente o boicot continuado que está a sufrir o servizo de alumeado público municipal e pide desculpas á veciñanza polas molestias que estes actos incívicos lles están a causar nos últimos tempos. Uns feitos que o Concello xa puxo en coñecemento da Garda Civil a través da correspondente denuncia co desexo de que a investigación permita dar coa persoa ou persoas autoras destes actos.
O alcalde de Brión, Pablo Lago, deu conta no pleno municipal de que o Concello encargara un informe técnico sobre a situación da rede municipal a unha empresa especializada e “dese informe podemos concluír que o 90% das avarías que presenta o alumeado público son causadas pola manipulación intencionada de diferentes elementos da rede”. Así mesmo, apúntase que as avarías non son simples actos vandálicos, senón que buscan causar o maior prexuízo posible tanto para as instalacións públicas como para os veciños e veciñas.
Colaboración veciñal
Entre estes actos, que teñen lugar en practicamente todas as parroquias do municipio, figuran manipulación de contadores e cadros eléctricos, cables cortados nas arquetas, células fotoeléctricas cortadas, térmicos baixados manualmente, reloxos programadores manipulados… que provocaron que nos últimos meses se incrementaran as queixas veciñais. Sobre todo porque, a pesar de que se reparan as avarías, estas volven repetirse de xeito periódico e nos mesmos lugares.
Diante desta situación, o Concello de Brión puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil, que abriu a correspondente investigación. “Solicitamos a colaboración cidadá para que poña en coñecemento da Garda Civil ou do propio Concello calquera información que poida servir de axuda para dar coa persoa ou persoas responsables destes actos e poder así atallar o problema”, indica Pablo Lago, quen lembra que estas avarías “supoñen un gran trastorno para a veciñanza que as sofre pero tamén son un gasto importante para as arcas municipais”.