Brión e Ames acollen a segunda edición de ‘Altamira Brilla’

1 minutes read

‘Altamira Brilla’, a festa histórica do val da Maía, que organizan a Deputación da Coruña e os concellos de Brión e de Ames para conmemorar a histórica Batalla de Altamira, chega esta semana á súa segunda edición. Serán dúas xornadas de actividades, os días 10 e 11 de xuño, nun amplo programa que inclúe a presentación no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, do proxecto e posta en valor das Torres de Altamira, tamén dos traballos de investigación que se están levando a cabo para a elaboración do plan director das Torres, unha ruta histórica, a representación da batalla a cargo do grupo Os Quinquilláns e os concertos de Caldo e de Grande Amore.

Este ano cúmprese o 551 aniversario da batalla ao pé das Torres de Altamira, un monumento patrimonio da Deputación da Coruña considerado Ben de Interese Cultural e situado nun espazo privilexiado que o converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construídas no século IX, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1471.

O deputado provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas, participou na presentación do programa.