Brión externaliza o mantemento de beirarrúas, parques e espazos públicos


O Concello de Brión vén de licitar o servizo de conservación e mantemento de beirarrúas, parques, zonas verdes e espazos públicos do municipio á empresa FCC Medio Ambiente SAU por 68.288,88 euros. Uns traballos que comezaron a desenvolver esta semana e que acometerán durante o ano que terá de vixencia o acordo asinado co Concello de Brión.

O alcalde brionés, Pablo Lago, explica que “coa perda de efectivos que tivemos na brigada municipal de obras era imposible que o Concello de Brión puidera facerse cargo destes traballos, como viña facendo ata o de agora, tanto por falta de persoal como de maquinaria especializada, polo que agardamos que os veciños e veciñas noten unha mellora significativa na prestación de servizo”.

Un punto onde estas melloras serán máis prezadas pola veciñanza de Brión será na limpeza das beirarrúas, xa que serán acometidas mediante máquinas hidrolimpadoras con chorro de auga a alta presión, e non de forma manual. Tamén será significativa as melloras na roza da maleza nos bordes das estradas municipais de todas as aldeas do municipio.

Así mesmo, a empresa adxudicataria encargarase de acometer unha poda durante a parada vexetativa, é dicir, antes do vindeiro mes de marzo. Ademais, levará a cabo un Plan de Arboricultura e podas en seco durante todo o ano. A maiores, os operarios de FCC Medio Ambiente SAU deberán segar as zonas verdes cada quince días (nos meses de actividade vexetativa) e cada mes (nos meses de parada vexetativa).

Finalmente, a empresa adxudicataria ofrecerá tamén un servizo para emerxencias, tendo que atender aqueles traballos considerados de urxencia nun prazo máximo de 48 horas.