Brión licita a construción dun novo parque infantil cuberto en Lamiño

Cedida.

O Concello de Brión vén de sacar a licitación a construción dun novo parque infantil cuberto na rúa Tarrío, no lugar de Lamiño, por un importe de 304.545,83 euros. Uns traballos que contan cun prazo de execución de catro meses e que permitirán ás familias de Brión “dispoñer dun gran parque cuberto que poida ser utilizado durante todo o ano”, explica Pablo Lago, alcalde de Brión.

As obras incluirán o levantamento do pavimento do actual parque infantil así como o desmonte dos xogos aló instalados, que serán limpados e reparados para a súa posterior reinstalación nas novas instalacións (columpios adaptados, dous tobogáns, columpios, balancín e caixa de area). A nova soleira será en formigón de 10 centímetros de espesor e pavimento continuo con capacidade para absorber impactos nas áreas de xogos infantís, deseñado para absorber caídas de ata 1,5 metros de altura.

O alcalde sinala que “somos conscientes do deterioro que sufre o parque da rúa Tarrío e dos xogos que o integran, polo que decidimos acometer non so unha completa renovación das instalacións senón cubrilo para que poida ser utilizado durante todo o ano”. De feito, esta instalación será a segunda cuberta no municipio, despois de que o pasado mes de agosto o Concello de Brión investira outros 50.000 euros na cubrición do parque do Inxerido.

A maiores dos xogos xa  dispoñibles, engadirase un equipo combinado para nenos maiores de 3 anos (formado por unha torre, muro de escalada, rede vertical de cordas e tobogán), un columpio dobre para maiores de 3 anos, dous balancíns con resorte de dúas prazas (un para nenos de 2 a 4 anos e outro para maiores de 4 anos), un carrusel de aceiro galvanizado para rapazada entre 1 e 4 anos e unha rede tridimensional para nenos de 5 a 12 anos. Os traballos complementaranse coa instalación dun novo valado de madeira para pechar a área de xogos infantís, de 0,85 metros de altura, así como diverso mobiliario urbano.