O proxecto, en fase de licitación pública ata o vindeiro 28 de maio, será financiado polo Plan Único da Deputación da Coruña e polo Concello de Brión. Suporá unha importante mellora na seguridade desta travesía, que carece actualmente de beirarrúas, agás en tramos illados, a pesar de contar con numerosas vivendas no entorno e de tratarse dun vial cun importante volume de tráfico.
As obras suporán a construción dunha senda de formigón de 2.300 metros de longo e 1,80 metros de ancho que recorerrá pola marxe esquerda da calzada, en dirección á estrada autonómica AC-300. Na marxe dereita executaranse tamén tramos de senda nas zonas nas que se concentren vivendas ou servizos.
Actualmente a travesía de Bastavaliños conta con dúas zonas de nova urbanización dotadas con beirarrúas que darán continuidade á nova senda, que contará cun sistema de drenaxe mediante colector de PVC de 400 mm de diámetro e as correspondentes arquetas con sumidoiros, co fin de evitar as acumulacións de auga.