- A documentación está dispoñible no Concello dende este luns, data na que foi remitida pola Xunta de Galicia.
- Unha consultora externa ao Concello está a estudar a documentación achegada por Augas de Galicia para determinar a afección do proxecto e determinar as alegacións que sexa preciso presentar.
O Concello de Brión organizará unha xornada informativa aberta á veciñanza na que técnicos especializados explicarán o contido do proxecto da central hidráulica reversible do Tambre que tramita a Xunta de Galicia, como pode afectar aos seus dereitos e as alegacións que poderían presentar. Unha reunión que terá lugar o xoves 16 de febreiro no local social de Cornanda en dúas convocatorias: ás 16:00 horas e ás 20:30 horas, para así facilitar o acceso de todos os veciños e veciñas que o desexen. De feito, a primeira convocatoria está pensada especialmente para que os gandeiros e gandeiras da zona poidan asistir e non interferir no seu traballo diario.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica: “encargámoslle a unha empresa especializada unha análise detallada da documentación achegada por Augas de Galicia para que faga un informe sobre como pode afectar ese proxecto aos veciños e ao Concello de Brión. A nosa intención é presentar esa información á veciñanza na reunión da próxima semana en Cornanda e que sexan técnicos especializados os que os informen e respondan ás súas dúbidas, non persoas que non teñen os coñecementos necesarios e so andan metendo ruído para sacar réditos políticos”.
“Unha vez que teñamos este informe técnico saberemos como poden afectar realmente eses proxectos aos veciños e poderemos determinar tamén as alegacións que teña que presentar, no seu caso, polo Concello de Brión”, apunta Pablo Lago, quen adianta: “proporémoslles aos veciños e veciñas crear unha Comisión de Seguimento, na que estarán representados e poderán estar permanentemente informados de todos os pasos que se vaian dando”. A documentación técnica está accesible aos veciños nas dependencias do Concello de Brión, ao igual que nos de Negreira, Lousame, Rois e Noia, así como nas instalacións de Augas de Galicia en Compostela, dende este luns, data na que foi remitida pola Xunta de Galicia. A maiores, o Concello de Brión ofrecerá á veciñanza un servizo de asesoramento técnico baixo demanda, que será prestado por especialistas de Estudio Técnico Gallego. Os técnicos resolverán as dúbidas que teñan as persoas que soliciten este servizo e, de ser o caso, as asesorarán na redacción e presentación das alegacións que desexen. O servizo estará dispoñible ata o 3 de marzo, data na que remata o prazo de presentación de alegacións