Brión | Participan 303 atletas na XXXIX Carreira Pedestre da Amaía

Cedida

A clasificación por equipos foi gañada por primeira vez polos locais do Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago, con 140 puntos; seguidos por tres clubs de Santiago: SD Compostela Atletismo, con 210; o Club Atletismo Tambre (283) e o Club Atletismo Sar (378 puntos).

Os atletas Hugo García Souto (RC Celta de Atletismo) e Ester Navarrete Santana (Fútbol Club Barcelona) gañaron a XXXIX Carreira Pedestre da Amaía, disputada esta fin de semana en Brión. O tempo acompañou e permitiu incrementar nun 43% o número de participantes, chegando a tomar a saída un total de 303 atletas, 157 na proba absoluta.

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, foi o encargado de dar a saída á proba absoluta e presidir o acto de entrega de trofeos aos seis vencedores absolutos, así como aos tres primeiros clasificados de cada unha das categorías establecidas. Un acto no que estivo acompañado pola concelleira de Deportes, Sandy Cebral Gómez, entre outros. Todas as persoas premiadas recibiron uns trofeos especialmente deseñados para esta edición da carreira polo prestixioso ceramista Nano Unzueta, residente en Brión.

Gañadores

Hugo García impúxose cun tempo de 31 minutos e 31 segundos, 26 segundos menos que o gran dominador desta proba, o portugués Nuno Costa (SD Compostela Atletismo), vencedor nas tres edicións anteriores. Completou o podio Jesse Corro Roufett (Atletismo Arenteiro) cun tempo de 32 minutos e 37 segundos.

Na categoría feminina Sandra Mosquera Losada (Comesaña Sporting Club,gañadora da edición de 2021), tivo que conformarse co terceiro posto da proba, que gañou con autoridade Ester Navarrete Santana, cun tempo de 36 minutos e 35 segundos que a colocaron no posto 14 da proba absoluta. O segundo posto foi para Natalia Castro Santos (San Miguel de Marín), cun tempo de 38 minutos e 15 segundos.