Brión | Paula Carballeira Cabana recolle o IV Premio Laudamuco


A actriz e escritora Paula Carballeira Cabana (Fene, 1972) recolleu o IV Premio Laudamuco para textos teatrais en galego, que lle foi entregado pola concelleira de Cultura do Concello de Brión, Sandy Cebral Gómez, durante un acto celebrado coincidindo co 44 aniversario da posta en escena de “Laudamuco señor de ningures”,  obra de Roberto Vidal Bolaño que marca o nacemento do teatro profesional galego.

Paula Carballeira, actualmente residente en Teo, concorreu ao certame coa obra ‘Dentes de coello”, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da súa obra, cuxos primeiros exemplares foron entregados entre o medio cento de persoas asistentes. Unha edición realizada por Edicións Positivas que, xunto coa Academia Galega de Teatro, colaboran co Concello de Brión “nesta viaxe de poñer en marcha e manter o premio anual máis importante do teatro en galego”, salientou Sandy Cebral.

Paula Carballeira Cabana sucede no palmarés do Premio Laudamuco a Francisco Antonio Vidal Blanco, Raúl Dans e Xavier Lama López, gañadores das edicións anteriores. Nas súas tres primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019), no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020) e no ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021).