Brión pon en marcha unha campaña polos Dereitos das Persoas LGBTIQ+


Co motivo da celebración do Día do Orgullo LGBTIQ+, o Concello de Brión vén de poñer en marcha unha campaña especial de Visibilización e Sensibilización polos Dereitos das Persoas LGBTIQ+. Unha campaña organizada pola área de Igualdade do Departamento de Servizos Sociais, que desprazou un stand ata o IES de Brión con material informativo para concienciar ao alumnado, que acudía a recoller as notas do curso.

Dará comezo a principio de mes na conta oficial de Instagram da Área de Igualdade do Departamento de Servizos Sociais do Concello, @igualdade_brion. A través desta rede social, difundiuse contido relacionado cos dereitos fundamentais das persoas do colectivo, así como como a historia da bandeira arco da vella ou a orixe do Día do Orgullo.

Un material que estará a disposición de toda a veciñanza durante toda semana no Centro Social Polivalente, na Casa da Cultura e na Biblioteca Municipal. Por outra banda, desde a semana pasada e ata finais de este mesmo mes de xuño, unha lona conmemorativa pendurará da fachada do Concello de Brión coa lenda: “Contra o odio e a discriminación. Amor, respecto e dereitos”.

Ser e sentir

Ademais de crear a súa propia campaña, o Concello de Brión tamén se adheriu á difundida pola Deputación da Coruña, baixo o nome de “Ser e Sentir”. Esta campaña difundirá material divulgativo recomendado para aprender sobre o colectivo LGBTIQ+ e porá en marcha actividades de concienciación entre o 28 de xuño e o 14 de xullo. Todas estas actividades poderán ser consultadas na conta de Instagram da área de Igualdade do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Brión.