Brión porá en marcha un punto limpo móbil

1 minutes read

O Concello de Brión vén de adxudicar á empresa Grúas y Autoventas Betanzos SL a adquisición dun camión grúa con colector para a implantación dun punto limpo móbil no municipio. Un contrato que suporá un investimento de máis de 70 mil euros e que permitirá que o vehículo estea no municipio a principios do mes de novembro.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, explica que “este novo servizo favorecerá a recollida daqueles residuos especiais susceptibles de recuperación e que non son recollidos no sistema ordinario”. Este novo punto limpo viaxará polas aldeas do municipio e o seu percorrido será comunicado previamente.

O punto limpo móbil brionés contará, cando menos, con oito contedores para a recollida de pilas e baterías, lámpadas e tubos fluorescentes, aceites usados, vidro, plásticos, papel e cartón, pequenos electrodomésticos e roupa e calzado entre outros. Esta actuación vén complementar a instalación de dous minipuntos limpos no parque municipal de Brión e nos Ánxeles.