Brión prepara a Romaría de Santa Minia

3 minutes read

O Concello de Brión vén de dar a coñecer a programación especial co gallo das Festas de Santa Minia, que terá lugar ao longo de cinco xornadas: do sábado 23 ao mércores 27 de setembro. Unha programación na que a música será un dos principais atractivos, coa participación de cinco das mellores orquestras de Galicia e de Mercedes Peón, que se unirán aos tradicionais atractivos desta festa: misas, polbeiras, fogos de artificio, postos de venda ambulante…

Con respecto a anteriores edicións mantéñense novidades como o “Punto Lila”, que funcionará na Carballeira de Santa Minia como un punto de atención a mulleres e persoas LGTBIQ+ que foran obxecto dunha agresión machista e tamén como punto de sensibilización y concienciación da necesidade de que esta Romaría sexa un espazo libre de violencia de xénero. Como en anos anteriores, tamén volverá a haber momentos de menor ruído na zona das atraccións infantís para facilitar a inclusión de toda a rapazada.

Ao igual co ano pasado, a tradicional queima da fachada da Véspera será substituída por un espectáculo de luz e son que, a través da tecnoloxía de vídeo mapping, recreará unha queima virtual de fachada e contará distintas historias para desfrute das persoas asistentes, xusto antes da tradicional tirada de fogos de artificio, que se manterá como en edicións anteriores, con tres puntos de lanzamento diferentes para que todo o municipio poida desfrutar dos mesmos.

Así mesmo, para protexer a Carballeira de Santa Minia e a súa contorna, as grandes actuacións das orquestras París de Noia, Finisterre e Olympus terán lugar nunha finca a carón das polbeiras. Pola súa banda, as atraccións infantís volverán estar emprazadas na finca fronte ao centro social polivalente, ao pe da avenida de Santa Minia.

Unha avenida na que se instalarán os tradicionais postos de venda, especialmente entre as 16:00 horas do martes 26 ata as 23:00 horas do mércores 27 de setembro, tempo no que estará cortado o tráfico na zona. Para os veciños e veciñas que residen nesta contorna, o Concello de Brión ofrece uns pases especiais para poder acceder aos seus domicilios con vehículos, sempre que o soliciten por escrito antes do venres 22 de setembro nas oficinas municipais ou a través da sede electrónica municipal.

A previsión é que este ano se instalen máis de 150 postos e casetas de venda de rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas, xeados… A maiores, cinco polbeiras estarán instaladas a pé da carballeira, vendendo máis de 5.000 quilos de polbo e grandes cantidades de churrasco, entre outros produtos.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?