Os pais, nais e familias do CEIP Plurilingüe de Pedrouzos (Brión) , apoiados polo concello, presentaron diante da Consellería de Educación unha reclamación, acompañada por 333 sinaturas, na que solicitan un profesor/a substituto/a para a especialidade de Educación Musical. Un escrito no que alertan de que a ausencia deste docente provocará que varios grupos de alumnos e alumnas queden sen recibir formación nesta especialidade e que incrementará a carga lectiva para o resto do profesorado no presente curso 2022-2023.
As familias brionesas explican que o CEIP de Pedrouzos conta con 2 prazas na especialidade de Educación Musical. Unha delas está ocupada por unha persoa con destino definitivo en Pedrouzos pero que se atopa nunha comisión de servizos nunha praza de convenio. Isto significa que este docente non estará este curso no centro para impartir a súa materia.
Por iso, os pais, nais e familias do CEIPP de Pedrouzos iniciaron unha recollida de sinaturas para pedirlle á Xunta de Galicia que adxudique esa praza a un profesor/a substituto/a para o curso 2022-2023 para evitar que varios grupos de alumnos queden sen recibir esta formación e aumente a carga lectiva do resto do profesorado, afectando ao Plan de Apoios e Reforzos que ten o centro. Isto repercutirá negativamente no desenrolo académico tanto individual como colectivo do CEIPP de Pedrouzos, advirten.