Brión rebaixa á metade o período medio de pago a proveedores no terceiro trimestre

1 minutes read

Brión celebrou no mediodía deste mércores a derradeira sesión plenaria do ano na que todos os puntos da orde do día foron aprobados sen debate nin intervencións por parte de ningún dos grupos municipais. Así, aprobouse un recoñecemento extraxudicial de crédito de 8.922,44 euros para o pago de facturas por servizos prestados no 2021 pero que foron presentadas neste 2022.

Así mesmo, aprobouse definitivamente a permuta dunha superficie de 421 metros cadrados dun camiño público na Chamiseira (A Pedreira) por outra zona para evitar así que o camiño atravesara unha finca particular; e declaráronse como efectos non utilizables dous camións e un tractor rozadora da brigada municipal de obras que, tanto pola súa antigüidade como polo seu estado, non eran utilizados dende hai tempo. Hoxe aprobouse a súa venda.

Finalmente, o pleno aprobou as altas e baixas no inventario municipal e tomou conta do período medio de pago a proveedores do terceiro trimestre de 2022, que foi de 22,66 días. Unha cifra que confirma o anunciado polo secretario municipal no pleno do pasado mes de outubro: que os 55,06 días rexistrados no PMP do segundo trimestre do ano se xustificaban pola contabilización do pago dunhas obras moi importantes como as do Camiño de Amañecida á Graña. De feito, hoxe confirmouse que, unha vez contabilizado este investimento, o PMP do terceiro trimestre de 2022x baixara máis da metade con respecto ao seu predecesor.