Brizuela sobre a bucina sentenza ao Obradoiro

Unha canastra de Darío Brizuela sobre a bucina, cando apenas restaban tres centésimas de segundo para a conclusión, deu a vitoria a Unicaja sobre Obradoiro por 83 a 85. Os árbitros deron validez a unha canastra gañadora que, en principio, lanzaba dúbidas.

Obradoiro asinou un 9-0 de parcial no último minuto, o que lle levo a empatar un partido que tiña perdido a 2 segundos e medio da conclusión. Lamentablemente os deuses do baloncesto seguen negándolle a fortuna a Obradoiro e pecháronlle a opción de xogar unha merecida prórroga, tras a inverosímil e non exenta de calidade canastra do xogador malacitano, coñecido como a “ mamba vasca”.

Arrincaba o partido cun conxunto local decidido a vender cara a súa pel. 7-0 de parcial e as cousas que funcionaban para os de Santiago. Chegou a hora de Thompson quen se fixo o dono da zona e impedía que a vantaxe galega se disparase. Pero a parella Robertson-Enoch impoñían a súa lei, 19-9 no electrónico. Katsikaris apostaba por Díaz (6 puntos, 3 rebotes e outras tantas asistencias para asinar 10 unidades de valoración) e Fernández (10 puntos, 1 rebote, 3 asistencias e 7 de valoración) para contrarrestar o acerto local. Con todo, era Brizuela con 7 puntos o máis perigoso para os galegos, quen con máis dun 66% de acerto en triplos (4/6) mantiñan a vantaxe no electrónico. Pechábase o cuarto con 26-20 para un Obradoiro que empezaba a mostrarse menos contundente.

No segundo cuarto aumentaba a intensidade defensiva andaluza, tocando esta vez: permisividade arbitral. E é que, os de laranxa deben actualizar os criterios cambiantes que utilizan. Hoxe se, mañá non e menos de todo para co equipo humilde, chove sobre mollado.

O partido igualábase 30-30, case chegando ao ecuador do segundo cuarto. Os problemas para Obra multiplicábanse, mentres Birutis seguía sen asumir o seu rol, Ozmizrak pedía o cambio por dor no nocello. Fernández volteaba o marcador, 35-37. No medio do caos xurdiu o mvp do partido, un Steven Enoch (24 puntos, 8 rebotes e 34 de valoración) que acelera a súa evolución a pasos axigantados. A rigorosa terceira falta pitada ao americano lastraba a dinámica compostelá. Triplo de Robertson (22 puntos, 2 rebotes, 3 asistencias e 21 de valoración) que adiantaba aos galegos a 31 segundos do fin cuarto. Aínda así, chegamos ao descanso cun apertado 40-41 tras dous puntos finais dos de verde.

Tras o paso por vestiarios anotábase pouco ata que chegou o “concurso de triplos do día”, aí estaban Brizuela, Bouteille (15 puntos, 1 rebote, 2 asistencias e 15 de valoración), Daum e Czerapowicz (10 puntos, 4 rebotes e 13 de valoración) con 2, para deixar o luminoso en 49-51 no minuto 26. A partir de aí sucedíanse as vantaxes mínimas para Unicaja, chegando ao final do terceiro cuarto con 60-62 para os visitantes.

Igualdade no último acto ata que Brizuela disparaba a vantaxe andaluza. Cun gancho de Nzosa o marcador sinalaba 67-75, distancia que parecía definitiva. Pero Obradoiro respondeu cun parcial de 7-0, pasando a 74-75 e un punto de diferenza. Reacción cortada por Bouteille con 5 puntos seguidos. Novo triplo do sempiterno Brizuela e nove de diferenza para Unicaja. Outra vez tocaba remar e en augas turbulentas. A pesar de todo, Obradoiro volveu facer. Salto de fe, e a falta de 2 segundos e medio, Oliver anotaba unha bandexa en penetración, poñendo a guinda a un 9-0 de parcial que parecía, ía outorgar a prórroga no multiusos Fontes do Sar.

Non foi así, Katsikaris deseño unha xogada para que Brizuela recibise o balón no centro e cun simulacro dentro fóra de calidade excepcional anotaba sobre a bucina. 83-85 e vitoria in extremis para os malacitanos. Canastra a 3 centésimas do final, tan dura como legal. A pesar das dúbidas que nun principio puidese expor.

Obradoiro dominou moitas facetas do xogo. En rebotes, 38/20 case duplicando a Unicaja. En porcentaxe e canastras anotadas de 3 con 44% por 35,71% ademais de 11 acertos por 10. En asistencias 14 por 12. Pero as 14 perdas de balón de Obradoiro, ante 1 de Unicaja declinaron a balanza para os de verde.

Facía fincapé Moncho Fernández na forza e dureza mental do grupo para saír desta. Así o esperamos. Derrota dura e inmerecida e o próximo partido, na casa ante o transatlántico Real Madrid. O vindeiro martes 23 de marzo no último dos encontros aprazados polo covid no seo de Obradoiro.

No horizonte máis afastado, sábado 27 de marzo ante os donostiarras de Guipúscoa en terras vascas. Este xa sen marxe de erro.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha