Madrid, Gotemburgo, Tel Aviv,… Estes son algúns dos 57 voos que este luns foron cancelados no aeroporto de Bruxelas deixando a 3.500 persoas en terra. Tras varios meses de negociacións infrutuosas, o persoal da compañía Brussels Airlines recorreu á folga como «último recurso». O persoal de cabina denuncia unha sobrecarga de traballo, á que hai que sumar unha falta de organización a nivel empresarial que lles impide planificar a súa vida persoal con anticipación.
O persoal de Brussels Airlines espera que a folga sirva para concienciar sobre cal é o verdadeiro custo dos voos baratos. A compañía belga afirma pola súa banda que aínda está a sufrir pola crise que xerou a pandemia, lamenta os incovenientes que están a sufrir os clientes e afirma que están listos para un «diálogo construtivo» co persoal. A folga obrigaralles a pagar 700.000 euros en compensacións, sen contar cos danos que sufriu a súa imaxe.