Ursula von der Leyen presentou este mércores as súas propostas para facer fronte á crecente crise enerxética da UE e frear o aumento das facturas que está a afogar economicamente aos fogares e as empresas europeas. A presidenta da Comisión Europea puxo sobre a mesa un plan de redución do consumo de electricidade en toda a UE, un tope de prezos para o exceso de ingresos das renovables e a enerxía nuclear, un mecanismo de solidariedade para captar os beneficios «masivos» e «inesperados» das empresas de combustibles fósiles, e un programa de axudas estatais para inxectar liquidez adicional ás empresas de servizos públicos en dificultades. Von der Leyen tamén propuxo unha limitación dos prezos das importacións de gas de gasoduto ruso, que, de introducirse, podería empuxar ao Kremlin a tomar represalias e suspender totalmente os fluxos de gas. «Debemos cortar os ingresos de Rusia que Putin utiliza para financiar esta guerra atroz contra Ucraína», asegurou a líder europea. A Presidenta detallou que o seu equipo tamén está a estudar a posibilidade de limitar o prezo de todo o gas importado, o que incluiría o gas natural licuado (GNL), un produto que se converteu na clave da diversificación fronte a Rusia. Con todo, este tope de prezos aínda non está sobre a mesa.
42