Bruxelas presenta o seu plan dixital para 2030


A proposta baséase nunha estratexia dixital presentada hai un ano. Ademais, a Comisión propón á Eurocámara e aos Estados membros a creación de proxectos plurinacionais e dun marco de principios dixitais. “A dixitalización non é un fin en si mesmo. Ten que ter un propósito. Para nós, facer que esta década dixital sexa exitosa significa converternos no socio próspero, seguro e aberto que queremos ser para o mundo. E asegurarnos de que todos nos beneficiamos do benestar dunha sociedade dixital inclusiva”, defendeu a vicepresidenta da Comisión Europea, Margrethe Vestager.

No Parlamento Europeo, os eurodeputados esperan que esta vez a Comisión vaia en serio. Porque a pesar de que existiron iniciativas similares no pasado, a economía dixital europea non foi sempre inclusiva. “Neste momento, cando falamos do Pacto Verde, creo que xa é hora de que tamén empecemos a falar sobre un pacto dixital. E a razón pola que digo isto é porque contamos con numerosas estratexias dixitais no pasado. Algunhas delas alcanzaron os seus obxectivos, pero moitas non (…) Estou realmente preocupada porque, de feito, xa hai minorías dixitais e podamos ver unha cantidade cada vez maior destas minorías dixitais. E temos que previlo como sexa”, asegurou a eurodeputada do Partido Popular Europeo, Eva Maydell.