- A artesanía e a música danse a man durante o mes de agosto e, para todas as actuacións musicais, será preciso ter entrada
Buño comezou este venres a súa particular Mostra de Olaría, que está adaptada á normativa da COVID-19. Ás 19:00 horas, o Ecomuseo Forno do Forte foi testigo da inauguración da mostra dos traballos de diferentes oleiros, unha exposición que poderá visitarse ata finais de agosto.
Esta fin de semana e o próximo sábado 8 e domingo 9 de agosto, os oleiros e oleiras farán demostracións na rúa de 12:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 18:00 horas. Pero tamén haberá moita música, cos concertos de Mascada e Dj Tristón, que actuarán hoxe sábado ás 19:00 horas no Ecomuseo, e coas actuación de Isaac Peces e Russinha o domingo ás 13:00 horas.
O xoves 6 de agosto haberá un pasarrúas de música tradicional con Arrancadeira ás 19:00 horas, e o venres 7 de agosto, tamén á mesma hora, o pasarrúas correrá á cargo de Malante.
O sábado 8 de agosto, ás 13:00 horas, haberá unha “sesión vermú” baixo Malante e Carcaxía, onde a música tradicional será a protagonista. Ás 19:00 horas, para remate da xornada, o Forno da Costa será escenario do concerto de Ukestra do Medio e Djalminha.
Como colofón, o domingo 9 de agosto celebrarase a ruta de Olaría ‘O ciclo de vida dunha peza’ con Volta Montana e ás 13:00 horas actuarán Monoulious DOP.
Será necesario mercar a entrada para todas as actuacións.
