- Haberá exposicións de olaría no Forno do Forte, roteiros e algún concerto
Buño conmemorará a súa olaría un verán máis respectando en todo momento o contexto sanitario provocado pola COVID-19. Desde o 31 de xullo ao 9 de agosto e baixo o lema ‘Buño DeMOSTRA’, terán lugar demostracións en vivo, exposicións de olaría no Forno do Forte, roteiros e algún concerto.
A pesar de non ser unha edición baixo a completa normalidade, respectaranse en todo momento as medidas e protocolos de seguridade e hixiene, e será obrigatorio empregar máscara sanitaria e gardar a distancia de seguridade.
O Concello de Malpica e a Asociación Oleira farán públicos nos vindeiros días máis detalles do que suporá esta edición da Mostra de Olaría de Buño, e darán a coñecer o programa e o formato para anotarse nas actividades dispoñibles.