- O seu particular ‘Vía Crucis’ é un dos máis concorridos de toda a Costa da Morte
O lugar de Buño, no concello de Malpica, prepárase para celebrar o seu máis que recoñecido ‘Enterro da Mikaela’, que se celebrará o próximo 29 de febreiro.
Os festexos arrincarán ás 13:00 horas coa sesión vermú, e estenderanse ata o atardecer coa ‘Queima da Mikaela’ e as actuacións musicais da orquestra Compostela e varios DJ’s.
Alberto Añón, que forma parte da organización desta festa, destaca que “esperamos unha presenza similar á do ano pasado, na que contabilizabamos máis de 5.000 persoas. Hai servizo de buses tamén desde A Coruña e Cee”, destaca Añón. Poderase reservar praza na dirección web www.somosfesta.com por 12 euros.
A saída da comitiva desta festa terá lugar ás 16:30 horas en Canta la Rana, e a misa celebrarase no cruzamento de Xornes ás 18:00 horas. Faranse paradas tamén na igrexa de Buño e no cruzamento de Leiloio.
Esta festividade xa conta cunha longa traxectoria, sendo esta particular ‘Vía Crucis’ un dos máis concorridos de toda a Costa da Morte. Data de hai máis de 100 anos, e aínda que antigamente non se realizaba o percorrido polos bares, esa tradición agora mantense.
Ademais, o venres 21 terá lugar a Mikaeliña, unha celebración destinada aos máis novos de Malpica que se realiza en colaboración coas asociacións de nais e pais. O propio día da Mikaela, tamén terán unha festa con chocolatada.